Neste evento, considerado a maior cita nacional do sector da elaboración de queixo, María José Gómez visitou o espazo galego, que conta cunha carpa de 150 metros cadrados con aula de cata para 25 persoas e que acollerá ata o domingo 27 catas e degustacións de queixos e outros produtos galegos de calidade.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, apoiou hoxe coa súa presenza a promoción dos queixos galegos dentro da feira Fromago Cheese Experience, que se celebra ata este domingo en Zamora e que está considerada como a maior cita nacional do sector da elaboración de queixo. Esta é a primeira vez que a Xunta de Galicia participa neste evento cunha aposta tan decidida de promoción de todos os queixos con Denominación de Orixe Protexida (DOP).
Ademais, cómpre destacar que un queixo da DOP San Simón da Costa -Daniberto- foi recoñecido co Premio Especial Cincho 2024, uns galardóns que distinguen os mellores queixos a nivel internacional e que, aproveitando a ocasión, se entregaron no marco da celebración desta feira. Tamén hai outros queixos galegos premiados nas diferentes categorías contempladas.
A maiores de participar na entrega dos citados premios, a titular de Medio Rural visitou o espazo de Galicia en Fromago, unha carpa de 150 metros cadrados situada na Plaza de Castilla y León, que conta cunha aula de cata para unhas 25 persoas e que acolle estes días un amplo programa de actos, organizados pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, adscrita á Consellería do Medio Rural.
Así, están previstas ao longo de toda a feira ata 27 diferentes catas e degustacións de queixos e outros produtos galegos de calidade, así como de Artesanía Alimentaria de Galicia. Os principais protagonistas destas accións promocionais son os queixos galegos amparados por denominacións de orixe protexidas (DOP). É dicir: Queixo Tetilla, Cebreiro, Arzúa-Ulloa e San Simón da Costa.
Deste xeito, están presentes na feira un total de 13 empresas galegas do sector, 9 delas con algún selo de calidade diferenciada. Trátase da Cooperativa Campo Capela, Queixería Airas Moniz, Queixería Daniberto, Queserías del Eume, Queixería Bisqato, Lácteos Lorán, Gandeiría Quintián, Queixos O Rexo e Queixería Queinaga; ás que se lle suman Galmesan, Galmara, Máis que Queixos e Queixería Gaia.
Peso económico dos queixos galegos de calidade diferenciada
Cómpre salientar o importante peso que os queixos teñen dentro das “Experiencias de Calidade” de Galicia. Así, os catro queixos galegos de calidade diferenciada que contan con DOP xeraron no 2023 un valor económico estimado de 52,6 millóns de euros, cun incremento de máis do 8% en relación co exercicio anterior. Arredor de 2.600 gandeiros fornecen de materia prima ás máis de 50 queixerías amparadas, que o ano pasado comercializaron preto de 6,5 millóns de quilos deste produto.
Fonte: Xunta de Galicia